Monday 16 de September de 2024

Mercedes Rosón sobre a operación Peleteiro: “a alcaldesa pode aprender unha lección do Partido Socialista que, desde o goberno de España ata este grupo municipal, antepón sempre os intereses da cidade”


A edil socialista, aínda que celebra o acordo entre goberno central e Raxoi para aumentar o uso residencial no Peleteiro lamenta “que se perderan tres anos para volver ao mesmo punto e ao mesmo proxecto”

Ser “intelixentes” e “aproveitar esta oportunidade”, así saíu ao paso o grupo socialista este sábado logo de que na reunión entre a alcaldesa e o Ministerio de Economía se chegara a un principio de acordo para aumentar o uso residencial no solar do antigo Peleteiro. Un acordo que, “de confirmarse”, sería “moi positivo para Compostela” destaca Mercedes Rosón, aínda que lamenta que “se perderan tres anos para volver ao mesmo punto e ao mesmo proxecto”.

Así, a edil socialista lembra que o proxecto que desde o goberno socialista de Sánchez Bugallo levaron a pleno a finais do 2022 xa contemplaba un incremento do uso residencial, reservando ademais un 20% das vivendas construídas a réxime de protección. Ademais, a proposta que en aquela altura non contou co respaldo nin do Partido Popular, nin BNG nin Compostela Aberta, implicaba unha redución da edificabilidade. “Algo que, este principio de acordo, semella desbotar” recalca Rosón.

A que fóra responsable de Urbanismo durante o goberno do PSdeG encara esta nova vía con ánimo propositivo, “traballaremos para conseguir o mellor proxecto para o futuro do Ensanche” e reprende a Sanmartín por non apoiar a proposta -moi similar á que agora se persegue- no 2022, cando foran os socialistas os que levaran a pleno a modificación do Plan Xeral que permitía a creación dunha gran praza pública no solar agora abandonado -ademais dun centro de día, un centro sociocultural e preto de 150 vivendas-.

“Creo que a alcaldesa pode aprender unha importante lección do Partido Socialista que antepón, ante todo, os intereses de esta cidade: desde o Goberno de España a este grupo municipal” conclúe Mercedes Rosón, que reivindica o “compromiso e coherencia” que os socialistas “mantivemos e manteremos sempre con esta cuestión troncal para revitalizar o Ensanche”.